Tuesday 07 de May de 2024

A nova depuradora de Sergude, máis preto logo de superar o trámite medioambiental


O proxecto para esta nova infraestrutura en Boqueixón contempla un investimento aproximado de 1,8 millóns de euros

O proxecto da nova depuradora de Sergude vén de superar o trámite medioambiental. Así o ratificou o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, durante a súa visita, na que estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, aos terreos nos que se construirá a futura infraestrutura. O investimento previsto pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para esta depuradora ronda os 1,8 millóns de euros e contarán con fondos Feader.

“Esta nova EDAR suporá unha mellora moi considerable na dotación do servizo de saneamento á nosa veciñanza, xa que contará cunha maior capacidade”, indicou o rexedor boqueixanés. Unha vez completado o trámite medioambiental, o proxecto deberá ser aprobado polo pleno municipal de Boqueixón, que aportará tamén os terreos precisos para a súa construción. O Concello tamén someterá o expediente a exposición pública antes do comezo das obras.

Pola súa banda, Ovidio Rodeiro salientou que esta actuación “permitirá triplicar a capacidade da depuradora actual”. Dará servizo a unha poboación de 3.000 habitantes. “Con esta infraestrutura quedará garantido un sistema de saneamento e depuración óptimo para os vindeiros anos nas parroquias de Sergude e Lestedo e tamén para o polígono industrial de A Susana”, concretou o delegado territorial.

Capacidade media de 44 m3/hora

Segundo explican dende a Xunta, a nova EDAR de Sergude contará cunha primeira estrutura de pretratamento da auga, separando en tres contedores diferentes os residuos sólidos, as graxas e as areas. Tras este proceso sitúase o tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga á hora, inda que tamén pode tratar pico de ata 81 metros cúbicos. En caso de chuvias torrenciais que superen este caudal, o exceso enviarase a un depósito de retención ou tanque de tormentas.

O tratamento biolóxico estará conformado por un sistema de lodos activados por aireación prolongada en baixa carga, que contarán con dous axitadores para a produción de osíxeno. O seguinte proceso será o da decantación secundaria, integrada por dúas liñas, onde os lodos separaranse por gravidade a un pozo de bombea para a súa posterior deshidratación.

Este proxecto, que xa pasou a tramitación ambiental autonómica, deberá agora ser aprobado polo pleno municipal de Boqueixón, que aportará os terreos necesarios e someterá o expediente a exposición pública antes do comezo das actuacións.